Consultas habituais

PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE A CONSTITUCIÓN DOS GRUPOS DE ACCIÓN COSTEIRA

1. ¿Pode unha asociación pertencer a máis dun GAC?
Unha asociación pode pertencer a máis dun GAC sempre que o seu ámbito territorial sexa suprazonal e sempre que non existan asociacións da mesma natureza nas zonas costeiras en que desexe participar.

2. ¿Poden formar parte as cooperativas na composición dun GAC?
As cooperativas son entidades con ánimo de lucro, logo non poden participar no GAC, agás as cooperativas do mar que poderán formar parte do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, xa que son entidades de interese colectivo e por tanto están incluídas no ámbito de aplicación subxectivo da Orde de selección de GAC (artigo 4.2. a).
A expresión persoas xurídicas individuais hai que entendela nunha interpretación sistemática dos artigos 4 e 5 da Orde. Neste sentido, non cabe a participación no GAC de sociedades mercantís capitalistas con ánimo de lucro. E posible sen embargo a adhesión de cooperativas do mar no sector pesqueiro, posto que son sociedades de carácter persoal e colectivo (en contraposición ás individuais) aínda que teñan ánimo de lucro.

3. ¿Poden participar na composición dun GAC asociacións non domiciliadas nos concellos incluídos nas zonas costeiras?
En principio as asociacións a participar serán aquelas que exerzan a súa actividade nalgún ou nalgúns concellos que compoñen as zonas costeiras. Logo, aínda que non estea domiciliada a asociación nun concello pertencente a unha zona costeira, poderá participar sempre que estatutariamente e efectivamente realice actividades no ámbito territorial da zona costeira.
Cando se fala de asociación de ámbito zonal, non é necesario que coincida exactamente coa zona costeira de que estamos a falar, pois estas zonas non coinciden coas divisións territoriais clásicas, logo sería moi difícil salvo que se creasen con esa finalidade.

4. ¿As Comunidades de Montes poden participar nos GAC?
As Comunidades de Montes, aínda que teñen unha compoñente asociativa non son formalmente asociacións constituídas ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002, logo non poden participar na composición dos GAC. Cousa distinta é que poidan presentar proxectos ante o GAC para a súa execución cofinanciada. Non hai ningún obstáculo neste sentido.

5. ¿Cómo podemos obter unha copia da Guía da Candidatura?
A Guía da Candidatura está a disposición para calquera interesado no enderezo electrónico http://www.accioncosteira.es/ en formato dixital PDF. Ademais os interesados atoparán nesta páxina web todo un conxunto de ferramentas a súa disposición, que tamén se poden descargar, para facilitar todo o traballo do GAC. Estas ferramentas están no apartado Documentos da páxina mencionada, e a título de exemplo poderá atopar:  modelos de Plan Financeiro, de acta de constitución, etc…

6. ¿Cando finaliza o prazo de recepción de solicitudes de candidatura a GAC?
O artigo 6.3 da Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos pola que se convoca o concurso de selección dos GAC establece que o prazo de presentación de solicitudes comeza o 29 de xullo e finaliza o 15 de outubro de 2008.

7. ¿Pode unha asociación adherirse a un GAC unha vez constituído?
O principio de libre adhesión que rexe nas asociacións, segundo a Lei Orgánica 1/2002, permite a incorporación a unha asociación en calquera momento, sen establecer límites temporais.

8. ¿Pode participar unha asociación suprazonal nun GAC onde tamén existen asociacións da mesma natureza a nivel zonal?
De existir unha asociación de carácter zonal interesada en participar no GAC, non poderá participar unha asociación de ámbito suprazonal da mesma natureza. Non obstante, de non existir ou non estar interesadas en participar, a asociación suprazonal poderá adherirse. O espírito da norma é que participen no GAC aquelas entidades máis próximas ao territorio, e evitar outras entidades de ámbito territorial superior cando existan entidades do ámbito zonal con maior implicación social no ámbito de actuación do GAC.

9. ¿Qué procedemento ten que seguir un concello para adherirse a un GAC?
A adhesión por parte dun Concello a un GAC supón á participación deste nunha organización asociativa de carácter supramunicipal. Como o GAC abarca varios concellos, logo será necesaria a adopción do acordo polo Pleno do Concello, esixindo ademais o acordo da maioría absoluta dos votos, segundo o establecido nos artigos 47.2 g) e 123.1 f) da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local.
O Secretario da Corporación emitirá unha certificación do acordo adoptado.

10. ¿Pode adherirse calquera asociación ao GAC?
As asociacións que se adhiran o GAC teñen que ser representativas no territorio da zona costeira. A representatividade require de algún dos seguintes requisitos:
 a) Ter implantación na zona costeira do GAC
 b) Posuír medios humanos, técnicos e materiais
 c) Desenvolver unha actividade permanente na zona costeira

11. ¿É posible unha configuración da Xunta Directiva distinta á recollida no modelo de Estatutos da Guía da Candidatura?
O modelo de Estatutos é simplemente orientativo e non é vinculante. Non obstante, de modificarse a configuración da Xunta Directiva deberemos sempre respectar a proporcionalidade establecida no modelo. É dicir, o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola sempre deberá ostentar o 50% dos votos da Xunta Directiva. Ademais haberá de existir unha representación efectiva de tódolos restantes sectores.
Exemplo: Se en vez de 24 vogais, configuramos unha Xunta Directiva de 12 vogais, seis vogais deberán ser representantes do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola.

12. ¿Pode adherirse unha Confraría pertencente a un concello que non está incluído no ámbito territorial de ningún GAC?
Non. So poderán adherirse confrarías dos concellos de ámbito de aplicación das zonas costeiras.

13. ¿Pode unha asociación de pesca deportiva ou fluvial integrarse no sector pesqueiro?
Non. Poderían participar no sector social, posto que o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola está reservado á pesca marítima extractiva ou relacionados directamente dentro da cadea da pesca exercida con carácter profesional.

14. ¿As asociacións de redeiras forman parte do sector pesqueiro?
Sí, así como aquelas asociacións cunha vinculación estreita dentro da cadea do sector  pesqueiro, marisqueiro e acuícola.

15. ¿A contratación polo GAC dunha asistencia técnica para a elaboración do PEZ require dalgunha formalidade?
Posto que os GAC dispoñen dunha cantidade en concepto de gastos de xestión directamente financiada polo Fondo Europeo de Pesca, que é un fondo de carácter público, haberán de respectar os principios da Lei de Contratos do Sector Público segundo o disposto no artigo 2.2 da citada Lei.

16. ¿Pode unha confraría que forma parte dun GAC presentar proxectos ao abeiro do PEZ e ser beneficiarias das axudas do FEP?
Si. Non hai obstáculo para que os membros do GAC presenten proxectos. Únicamente o GAC, como entidade colaboradora que é, non pode presentar proxectos e beneficiarse de axudas, agás as referidas os gastos de xestión do programa.

17. ¿Pode establecerse nos estatutos  o voto ponderado na Asemblea Xeral?

A Lei Orgánica 1/2002,do 22 marzo, reguladora do dereito de asociación establece no seu artigo 21 a. como dereito de todolos asociados o exercicio do dereito ao voto, así como a asistencia á Asemblea Xeral. Neste sentido non é compatible unha interpretación da norma no sentido de establecer unha ponderación de voto na Asemblea Xeral, pois sería unha interpretación restrictiva dun dereito fundamental recollido no artigo 22 da Constitución.

Cousa distinta é, que froito de ser o GAC un instrumento da política comunitaria de pesca (principio de supremacía do ordenamento comunitario), se estableza unha posoción predominante no órgano de goberno e representación do GAC, a saber a Xunta Directiva do GAC, do sector pesqueiro. ( A expresión órgano de goberno está referida a Xunta Directiva segundo se desprende do artigo 6.1 e.  e 7.1 h. da Lei 1/2002).