Que é un grupo de acción costeira

Un GAC é un grupo de entidades sen ánimo de lucro de carácter supramunicipal de cooperación e compromiso. Está formado por distintos axentes tanto públicos como privados da zona, con especial protagonismo dos pertencentes e relacionados co mundo pesqueiro.

Os GAC teñen que liderar as accións, fomentando a participación activa das organizacións representativas dos diversos sectores. Participación que é a clave do éxito destas accións, xa que garanten o acerto das decisións que se adopten, por canto se coñecerán con detalle cales son as necesidades concretas en cada área. As accións permitirán ademais do desenvolvemento local e o fortalecemento da capacidade organizativa do sector pesqueiro, a estimulación da innovación e unha diversificación para os profesionais do mar, buscando a continuidade e estabilidade sostible, isto é, máis aló da existencia dos fondos.

A grandes liñas, o seu labor será:

  • Integrar todos os colectivos posibles dos sectores pesqueiro, social, económico e público,
  • Dinamizar e desenvolver as accións previstas para cada zona, dende unha perspectiva zonal de desenvolvemento socioeconómico
  • Elaborar un Plan Estratéxico Zonal (PEZ)
 

Para fomentar os GAC establécense distintas medidas subvencionables, incluída a contribución ao financiamento dos custos de explotación e funcionamento (gastos de xestión) dos grupos e a creación de capacidades colectivas para preparar estratexias de desenvolvemento local.

O valor engadido deste novo Eixe 4 reside na forma en que se poñen en práctica as accións que promove, tanto en e por medio das comunidades pesqueiras coma en e por medio dos Grupos de Acción Costeira, é dicir, está baseado nun enfoque local integrado nunha estratexia territorial, polo tanto, adaptado ao contorno. Unha estratexia terra-mar, na que os GAC serán os protagonistas desta estratexia de desenvolvemento local ascendente.