Derrogación da Orde de axudas para a execución dos PEZ

A Orde do 17 de abril de 2009 pola que se convocan as axudas para a execución dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aos grupos de acción costeira, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 89, do 8 de maio de 2009, para a súa aplicación, precisa da previa selección e recoñecemento como entidades colaboradoras de grupos de acción costeira, de acordo co regulado na Orde do 17 de xullo de 2008 pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 144, do 28 de xullo de 2008.

No día da data diferentes causas, entre as cales se poden sinalar problemas de constitución, ou de recoñecemento como asociacións, impediron a resolución do procedemento iniciado coa Orde do 17 de xullo de 2008, polo que non existe resolución da consellería determinando as asociacións seleccionadas e recoñecidas como grupo de acción costeira.

Neste estado de cousas resulta imposible a tramitación, xestión e resolución do procedemento establecido para estas axudas na Orde do 17 de abril de 2009, por canto os grupos de acción costeira, como entidades colaboradoras, son parte insubstituíble no procedemento, polo que resulta conveniente e axeitada a derrogación da mencionada norma, así como proceder a unha nova convocatoria destas axudas unha vez que se resolva definitivamente o proceso aberto pola Orde do 17 de xullo de 2008.

Adjunto(clic para descargar)
Orde 15-7-09-derrogacion Orde do 17 de abril de 2009.pdfOrde 15-7-09-derrogacion Orde do 17 de abril de 2009.pdf